Condicións xerais do contrato do servizo de protección de electrodomésticos
Condicións Xerais do Contrato de Servizo de Protección de Electrodomésticos
1. OBXECTO DO CONTRATO
O obxecto do presente contrato é a prestación dos servizos de multiasistencia a clientes de Energía Colectiva S.L. (en diante “os Servizos”), servizos que se prestarán a través da compañía que Energía Colectiva S.L., con NIF B.98.670.003 e domicilio social en rúa Don Juan de Austria, núm. 28, Pta. 4, 46002, Valencia. (en diante a “Comercializadora”), teña contratada en cada momento.
A contratación destes servizos atópase vinculada á existencia dun contrato de subministración eléctrica subscrito polo Cliente coa Comercializadora para o mesmo enderezo, sexa negocio ou vivenda, do Cliente, que poderá contratarse simultaneamente ou con posteridade a este.
2. COBERTURAS DO SERVIZO
2.1 Servizo de Reparación de electrodomésticos
O CLIENTE poderá solicitar 2 intervencións por anualidade dende os 30 días posteriores á súa contratación. Inclúese desprazamento, man de obra e pezas por un valor máximo de 500 euros (IVE incluído) por intervención.
Os traballos de reparación inclúen exclusivamente os seguintes electrodomésticos (Gama Branca): Lavadoras, secadoras, frigoríficos, conxeladores, lavalouzas, campás, vitrocerámicas, cociñas eléctricas e fornos.
O CLIENTE poderá dispor dunha visita de diagnóstico presencial ou un servizo de diagnóstico dos equipos por videodiagnose, á súa escolla. En todo o caso, ficará á escolla do cliente a aplicación deste servizo de valor engadido.
Para os servizos de conexión, cando o servizo non estea dentro da cobertura ou cando o cliente consuma as dúas intervencións por anualidades incluídas no produto, o cliente deberá aboar o orzamento e todos os demais importes. Para estes casos, o cliente final deberá aboar por adiantado o 50 % do importe dos materiais. Caso de aceptación do orzamento, o importe aboado polo cliente por este concepto descontarase do importe total do servizo.
O horario de prestación do servizo será de 8:00 a 19:00 horas de luns a venres non festivos.
Definicións do Servizo de Reparación de Electrodomésticos
- Avaría: Avaría dun compoñente interno preciso para a funcionalidade ou uso seguro do Equipo.
- Explosión: Liberación brusca dunha gran cantidade de enerxía, de orixe térmica, química ou nuclear con desprendemento de calor e gases.
- Incendio: Combustión dunha materia, sen ningunha fonte destinada para ese efecto ou que se estendera de maneira espontánea.
- Uso Fraudulento: Uso indebido por un Terceiro da liña telefónica, mensaxes, datos e descargas.
- Mercado Gris (Grey Market): Compravenda de produtos realizada por unha empresa a través de canles de distribución diferentes ás autorizadas polo fabricante ou o produtor.
- Sobretensión: Aumento da Potencia eléctrica grande abondo como para causar lesións ou danos.
- Accesorios incluídos co Equipo: Accesorios adicionais incluídos co produto orixinal fornecidos polo fabricante (por exemplo, mandos a distancia, correas, cargadores, auriculares).
- Raio: A transferencia directa de raios a elementos físicos.
- Límite de responsabilidade (indemnización): O importe máximo correspondente ás coberturas proporcionadas. Aboaremos as reparacións, ata o límite de responsabilidade estabelecido no Contrato.
- Perda: Non estar en posesión ou non poder recuperar o Equipo por mor dun evento non intencional, non causado polo roubo con forza, carteirista ou furto.
- Equipo: O produto mercado, propiedade do cliente.
- Data de Compra do Equipo: A data na que o Equipo se mercou en estado de novo a un retallista e por primeira vez.
- Prezo de Compra Orixinal: O prezo de compra do seu Equipo indicado no seu Xustificante de Compra (IVE incluído). O prezo de compra orixinal non ten por que corresponder co prezo oficial do fabricante do Equipo. Con todo, se o prezo de compra do Equipo non se pode determinar ao ser adquirido en combinación con outros produtos ou servizos, o prezo oficial do fabricante na Data de Compra do Equipo será o seu Prezo de Compra Orixinal.
- Proba da Compra: Un Xustificante da Compra (por exemplo, unha factura) é o documento que proba que Vostede comprou o seu Equipo na Data indicada. O documento debe incluír certos datos identificativos do Equipo, incluído o fabricante, tipo ou modelo, número de serie ou número IMEI. A proba de Compra só se esixirá cando existan indicios racionais de que o aparello ten unha antigüidade superior a 10 anos.
- Reacondicionado a novo: Un Equipo restaurado a novo por un provedor autorizado, en termos de rendemento e aparencia.
- Deterioración: A acción ou proceso de deterioración ou desgaste, especialmente dos alimentos e roupa.
- Vandalismo: Dano intencionado e deliberado ao seu Equipo causado por un terceiro descoñecido por Vostede.
- Período de carencia: O período inicial no que non pode gozar das coberturas deste Contrato.
2.2 Servizo de avarías eléctricas
Poderase solicitar dende os 30 días posteriores á contratación e incluirá o seguinte:
- Reparación Urxente de Avarías da Instalación eléctrica nun prazo máximo de 3 horas dende a chamada sempre que a orixe da avaría estea situada nas instalacións do CLIENTE e sempre que sexa unha avaría completa ou fallo do sistema de subministración de electricidade no interior da súa Vivenda que comporte que esta sexa inhabitable.
- Reparación Non Urxente de Avarías da Instalación eléctrica nun prazo máximo de 48 horas laborables (luns a venres non festivos de 8:00 a 19:00 horas), para as avarías non consideradas como urxentes no punto anterior.
- Gratuidade do desprazamento e da man de obra ata un máximo de 3 horas por avaría. Caso de reparación cursada e tratada erroneamente como urxente por non facilitar o Cliente unha información veraz (Visita Errada), este aboará directamente ao Prestador o importe íntegro da reparación, sen beneficiarse do desprazamento e das 3 horas de man de obra gratuítas.
- Para reparacións que precisen pezas ou máis de 3 horas de man de obra realizarase un orzamento previo sen compromiso para a corrección da avaría. O devandito orzamento contemplará o custo das pezas e exceso de man de obra que, caso de aceptación, o cliente terá que aboar segundo o medio elixido á hora de aceptar o devandito orzamento.
Definicións do Servizo de Avarías Eléctricas
- Emerxencia: unha situación doméstica, repentina e imprevista que, de non solucionarse rapidamente, fará que a súa Vivenda sexa insegura ou estea desprotexida, ou que cause máis danos a esta ou ao seu contido ou que poida facer que a súa Vivenda perda a súa principal fonte de electricidade.
- Vivenda: o domicilio cuxo enderezo consta no produto contratado. Por favor, teña en conta que non son obxecto de cobertura os garaxes ou dependencias ás cales non se poida acceder por unha porta interior dende a Vivenda principal.
- Vivenda Inhabitable: enténdese o feito de non poder permanecer na súa Vivenda como consecuencia dun dos eventos cubertos por este contrato, que a deixe sen as condicións mínimas que lle permitan cubrir as necesidades básicas e en condicións inseguras para vivir nela.
- Danos eléctricos: avaría completa ou fallo do sistema de subministración de electricidade no interior da súa Vivenda que comporte que esta sexa inhabitable.
3. EXCLUSIÓNS
3.1 Servizo de Reparación de electrodomésticos
Exclúense expresamente do Servizo de Reparación de Electrodomésticos os seguintes eventos:
- Dano Accidental.
- Fóra do período do Contrato de servizo: calquera incidente que acontecera antes da data de inicio ou despois da data de finalización do seu Contrato.
- Danos ou fallos preexistentes no seu Equipo.
- Calquera fallo ou avaría durante o período de Garantía.
- Calquera fallo ou avaría do Equipo que non fora cuberto pola Garantía do fabricante.
- Danos causados por un uso non conforme ás instrucións do fabricante (por exemplo, instalación ou montaxe incorrectos).
- Danos causados por fallos de produción en serie, así como danos relacionados con campañas de retirada do mercado realizadas polo fabricante.
- Uso comercial ou non persoal do Equipo.
- Cando o Cliente actúe ilegalmente ou infrinxa calquera prohibición ou regulación ou faga un uso ilegal do Equipo.
- Uso neglixente ou inadecuado do seu Equipo.
- Dano causado intencionalmente por actos ou omisións deliberados por parte do cliente ou dano causado ao seu Equipo por un usuario autorizado.
- Roubo con forza nas cousas ou vehículos, en locais (con ou sen forza), atraco, carteirista ou furto.
- Perda.
- Danos debidos a lume, raios, sobretensión, voltaxe, explosión, vandalismo.
- Calquera evento que xurda de fallos ou mudanzas no software e o sistema operativo.
- Danos resultantes dun desgaste, erosión, corrosión, oxidación intencionada como resultado da exposición prolongada ao aire e á humidade.
- Os custos dos accesorios ou calquera peza consumible relacionada co funcionamento dos equipos que requiran mantemento por parte do usuario e que pola súa localización non sexa preciso retirar elementos mecánicos complexos para acceder a eles. Estes poden incluír, entre outras, as seguintes partes: cargadores, cargas de gas sen avaría previa, mandos a distancia, botóns, baterías facilmente extraíbles polo usuario, filtros, gomas, correas e tubos.
- Danos estéticos ou avarías, que poidan repararse limpando o Equipo ou cun mantemento ordinario, que non afecten ao normal funcionamento, manexo ou uso seguro do Equipo. O dano estético inclúe, entre outros, rabuñaduras, crocaduras, torceduras; descoloración; pequenas fendas e marcas.
- Problemas ocasionados polos servizos dun terceiro (por exemplo, subministración de electricidade, gas, auga, banda larga, Internet ou radiodifusión).
- Calquera dano ou fallo causado mentres o seu Equipo se atopa en posesión dunha empresa de mensaxaría ou correos ou calquera servizo de entrega que non corresponda cun servizo realizado por Nós en virtude do presente Contrato.
- Intrusión de Area: dano provocado pola area que se introduciu no Equipo.
- Danos causados por eventos externos como tormentas; forzas naturais; enerxía nuclear; e afundimento da terra, pragas de insectos; pulso electromagnético, quer de orixe humana, quer natural, filtración, polución ou contaminación; radiación ionizante ou contaminación por radioactividade de calquera combustible nuclear, ou de calquera refugallo nuclear derivado da queima de combustible nuclear ou as propiedades radioactivas, tóxicas, explosivas ou outras perigosas de calquera maquinaria nuclear explosiva ou calquera parte dela; ondas de presión de aeronaves e outros obxectos voadores que viaxan á velocidade do son ou por encima dela;
- Danos causados directa ou indirectamente por, como resultado ou en conexión con guerras, invasións, revolucións ou calquera acto de terrorismo, independentemente de calquera outra causa ou evento que contribúa ao mesmo tempo ou posteriormente a un dano ou perda do Equipo Asegurado. Para os efectos desta exclusión, un acto de terrorismo significa o uso, ou ameaza de uso, de forza biolóxica, química ou nuclear por parte de calquera persoa ou grupo de persoas, quer en solitario, quer en nome ou en conexión con calquera organización(s) ou goberno(s) comprometido(s) con fins políticos, relixiosos, ideolóxicos ou similares, incluída a intención de influír en calquera goberno ou de pór o público ou calquera sector do público nunha situación de temor, ou calquera acto considerado polo goberno do país de Residencia un acto de terrorismo.
- Roturas de vitrocerámicas
- Reparacións nos electrodomésticos cubertos que teñan unha antigüidade inferior a 3 anos, ou superior a 10 anos.
3.2 Servizo de Avarías eléctricas
Con carácter xeral, aplícanse as seguintes exclusións dos Servizos de Avarías Eléctricas:
- Uso comercial: fican excluídos da cobertura os edificios para uso empresarial ou comercial e os equipos profesionais. Así mesmo, está excluído calquera espazo de traballo independente utilizado para uso comercial dentro da Vivenda particular.
- Simple interrupción temporal da subministración: reclamacións derivadas da interrupción, fallo ou desconexión dos servizos públicos da súa Vivenda (incluídos a electricidade, a auga ou o gas), calquera que for a causa.
- Actos intencionados ou fraudulentos: actos intencionados ou fraudulentos causados por Vostede ou polas persoas que convivan con Vostede e as súas consecuencias.
- Danos causados fóra dos límites de propiedade da Vivenda: muros, portas, sebes, valos, dependencias, alpendres, garaxes independentes ou calquera outra estancia ou lugar que estea fóra dos límites da propiedade da súa Vivenda. Igualmente, está excluída a asistencia ás instalacións que sexan responsabilidade dun edificio de vivendas ou dos correspondentes provedores de electricidade.
- Danos anteriores á data de inicio da cobertura do produto: danos derivados dun acontecemento do que Vostede tivo coñecemento antes da contratación deste produto.
- Danos causados por falta de mantemento: danos debidos a neglixencia ou á degradación gradual causada por Vostede derivada da falta de mantemento.
- Danos causados por un erro de construción: danos debidos a un erro de construción ou a unha instalación incorrecta.
- Danos causados por acontecementos externos: danos causados por ou derivados de acontecementos externos como desastres naturais oficialmente declarados e catástrofes, que inclúen o pulso electromagnético (quer de orixe humana, quer natural), a reacción nuclear ou contaminación por armas nucleares ou radioactividade, a filtración, a contaminación ou a polución, os danos causados pola guerra, a guerra civil, a invasión, a revolución, os disturbios, a conmoción civil, os actos de violencia política, os atentados ou os actos de terrorismo, os peches patronais ou os conflitos laborais, a expropiación ou interferencias similares, a confiscación, os decretos oficiais ou outras interferencias das autoridades públicas.
- Condicións meteorolóxicas adversas: calquera fenómeno meteorolóxico perigoso que teña o potencial de causar danos, graves trastornos sociais ou a perda de vidas humanas. Os exemplos de fenómenos meteorolóxicos severos inclúen, entre outros, ventos fortes, saraiba, precipitacións excesivas, tormentas eléctricas, refachos de vento, tornados e tormentas de neve.
- Calquera consumible utilizado para a reparación.
- Vivendas / Locais para os que o certificado de habitabilidade non foi expedido ou foi retirado polas autoridades locais.
4. DURACIÓN DO CONTRATO
O presente Contrato entrará en vigor na data da súa sinatura e terá unha duración de doce meses, agás que se indique outra duración nas Condicións Particulares, e entenderase tacitamente renovado por iguais períodos agás denuncia expresa de calquera das partes, manifestada por escrito cunha antelación mínima de quince días á finalización do prazo contractual ou ao de calquera das súas prórrogas e remitida por calquera medio que permita acreditar a súa recepción. O Cliente poderá instar en calquera momento á terminación anticipada do Contrato comunicándoo de maneira inequívoca por calquera medio que deixe constancia dela á Comercializadora, cun preaviso de 1 mes antes da data efectiva de terminación. Por esta terminación anticipada non procederá a aplicación de penalización ningunha.
A finalización por calquera causa do contrato de subministración eléctrica coa Comercializadora determinará a finalización do presente Contrato.
5. PERSOAL
Os servizos obxecto deste Contrato serán prestados por persoal cualificado e debidamente acreditado.
6. DEREITO DE DESISTENCIA
O Cliente poderá desistir do presente contrato nun prazo de catorce días naturais dende a súa celebración, ou dende a recepción da documentación contractual de ser esta posterior, caso de o contrato ser formalizado a distancia (telefonicamente ou por Internet) ou fóra dos estabelecementos da Comercializadora, e o Cliente ter a condición de consumidor a efectos do estabelecido no artigo 3 do Texto Refundido da Lei Xeral para a Defensa dos Consumidores e Usuarios e outras normas complementarias, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 1/2007, de 16 de novembro.
O Cliente poderá exercer o dereito de desistencia sen necesidade de xustificar a súa decisión e sen penalización de ningunha clase, pero terá a obriga de compensar os servizos que recibise, valorados a prezo de mercado. Sen prexuízo de poder utilizar calquera outra forma admitida en dereito, o Cliente poderá levar a cabo a desistencia remitindo á Comercializadora o Documento de Desistencia, debidamente cuberto, ao seguinte enderezo: rúa Don Juan de Austria, núm. 28, Pta. 4, 46002, Valencia..
Quedan excluídos do dereito de desistencia os contratos celebrados no marco dunha actividade empresarial ou profesional.
7. BENEFICIARIO
O Beneficiario (tamén denominado neste documento como Cliente) é a persoa física ou xurídica que contratou e dispón de subministración eléctrica activa para o negocio ou a vivenda coa Comercializadora, excluídas as Comunidades de Propietarios, garaxes e aparcadoiros.
8. ÁMBITO TERRITORIAL
Os servizos poderán ser prestados en calquera lugar de España.
9. GARANTÍA
A Comercializadora garantirá que todos os servizos de mantemento e reparación serán realizados coa maior calidade de servizo e, caso de ser utilizados, cos mellores materiais avalados. Cando rematen os servizos o profesional limpará a zona de intervención. Estes servizos contan cunha garantía na execución dos traballos de 6 meses a partir da súa finalización.
10. PREZO
O Prezo do servizo é o fixado nas Condicións Particulares. O seu importe anual fraccionarase segundo os períodos de facturación da subministración eléctrica.
A Comercializadora poderá modificar á alza ou á baixa este prezo de acordo coa variación experimentada polo IPC nos doce meses anteriores á data de actualización. A data de actualización será o 1 de xaneiro de cada ano. Serán así mesmo a cargo do Cliente e incrementando por tanto o prezo aplicable todos aqueles gastos, custos e tributos que resulten esixibles, entre eles o Imposto do Valor Engadido.
Calquera tipo de promoción, desconto ou complemento ofrecido ao Cliente por parte da Comercializadora limitarase ás circunstancias específicas para as que se outorgaron ou ao tempo de duración estabelecido naqueles, sen xerar consolidación nin dereito ningún ao Cliente no seu mantemento. Sen prexuízo do anterior, os prezos dos servizos e os custos repercutibles poderanse modificar cando se produza unha variación no importe dalgún dos compoñentes que se tomaran en consideración para os estabelecer, ou cando así o comunique a Comercializadora ao Cliente. Esta adecuación ou modificación será comunicada por escrito ao Beneficiario co fin de que este, se non está de acordo, comunique á Comercializadora, no prazo de 30 días e por escrito, a súa vontade de resolver o Contrato. A falta de contestación por parte do Cliente no devandito prazo entenderase como aceptación do novo prezo. A Comercializadora non estará obrigada a prestar os servizos obxecto deste Contrato se o Beneficiario non estivese ao corrente no pagamento do seu prezo.
11. FACTURACIÓN, PRAZOS E FORMA DE PAGAMENTO
A Comercializadora facturará ao cliente segundo a modalidade, a periodicidade e o prezo estabelecido que constan nas Condicións Particulares e nas Condicións Xerais deste Contrato.
O pagamento do prezo dos Servizos xunto co IVE correspondente realizarase por parte do Cliente xunto á factura do servizo de subministración eléctrica que manteña coa Comercializadora, mediante cargo bancario na conta designada polo Cliente. O recibo correspondente a cada mensualidade de Servizo pasarase para o seu pagamento mediante cargo ou domiciliación á conta bancaria sinalada polo cliente e que se identifica coa incorporación a este contrato do mandato SEPA, que o cliente tamén asina.
12. ACCESO AO LOCAL DO NEGOCIO OU A VIVENDA
Co fin de posibilitar a prestación dos Servizos contratados, o Cliente facilitará o acceso ao negocio ou vivenda ao persoal debidamente acreditado pola Comercializadora.
13. RESPONSABILIDADE
O Beneficiario e a Comercializadora renuncian a esixirse responsabilidade por danos resultantes, indirectos e por perdas de beneficios, sempre non se deriven dun incumprimento doloso.
14. CESIÓN DO CONTRATO
O presente contrato poderá ser transmitido por calquera das partes sempre que esta circunstancia sexa comunicada por escrito á outra e que o cesionario do Cliente se subrogue en todos os dereitos e obrigas derivados do presente Contrato que correspondan á parte transmitente. Así mesmo, previamente á cesión por parte do Beneficiario, este deberá atoparse ao corrente nas súas obrigas de pagamento e xustificar que o cesionario é o novo titular do contrato ou contratos de subministración eléctrica do negocio ou vivenda.
15. RESOLUCIÓN DO CONTRATO
O Contrato poderá resolverse anticipadamente cando concorra algunha das seguintes causas:
- Incumprimento das obrigas de pagamento adquiridas consonte o estabelecido no presente Contrato.
- Denegación de acceso ao negocio ou vivenda polo seu ocupante, para a prestación dos servizos contratados.
- Inexistencia, caducidade ou anulación das autorizacións administrativas que resulten preceptivas para a posta en servizo e funcionamento das instalacións propias do negocio ou vivenda.
- Inexistencia, finalización ou resolución do contrato subscrito polo cliente para a subministración eléctrica ao negocio ou vivenda.
- Así mesmo, ao non incluír o presente Contrato na súa cobertura Comunidades de Propietarios, garaxes e aparcadoiros, a Comercializadora poderá resolvelo anticipadamente no momento no que teña coñecemento de que concorre algunha destas circunstancias para o Cliente.
16. RESOLUCIÓN DE CONFLITOS
Para a resolución das eventuais discrepancias que puidesen xurdir no tocante á interpretación ou execución do presente Contrato, ambas as dúas partes sométense expresamente á competencia dos Xulgados e Tribunais do lugar de prestación dos servizos que figuran nas Condicións Particulares ou do domicilio do usuario, segundo este escolla, se ten a consideración de consumidor ou usuario de acordo co Real Decreto Lexislativo 1/2007, de 16 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei Xeral para a Defensa dos Consumidores e Usuarios.
17. PROTECCIÓN DE DATOS
A prestación do Servizo de Protección de Electrodomésticos comporta o tratamento de datos de carácter persoal do Cliente, que serán tratados consonte o previsto no presente Contrato, as Condicións Xerais de Contratación do Servizo de subministración eléctrica e a política de privacidade.
O responsable do tratamento será a sociedade Energía Colectiva S.L., con domicilio postal en rúa Don Juan de Austria, núm. 28, Pta. 4, 46002, Valencia. e NIF B.98.670.003. Pode contactar co noso Delegado de Protección de Datos (DPD ou DPO) enviando un correo electrónico a [email protected]
Para a prestación deste Servizo a Comercializadora tratará datos identificativos, de contacto, de pagamento e de subministración do Cliente coa finalidade de xestionar e prestar o servizo de Protección de Electrodomésticos consonte a execución do presente Contrato. De non se proporcionar algún destes datos ou ser estes inexactos non será posible prestar o Servizo.
A Comercializadora, coa finalidade de prestar o Servizo, facilitará os datos identificativos, de contacto e de subministración a terceiras empresas que prestan o mencionado servizo por conta da Comercializadora. A Comercializadora dispón de contratos con estas empresas polos cales se garanten a seguridade e legalidade do tratamento dos datos persoais aos que estas terceiras empresas poidan ter acceso con motivo da prestación do servizo. A Comercializadora non ten previsto levar a cabo transferencias internacionais de datos.
Os datos conservaranse durante toda a duración do contrato e, despois de se resolver este, de forma bloqueada, ata a prescrición das obrigas legais que a Comercializadora deba cumprir.
Informámolo de que pode exercitar os seus dereitos de acceso, rectificación, supresión, oposición, limitación do tratamento e portabilidade mediante correo postal ao enderezo rúa Don Juan de Austria, núm. 28, Pta. 4, 46002, Valencia. ou mediante correo electrónico ao enderezo [email protected] indicando o dereito que vaia exercitar e acompañando a documentación requirida. Así mesmo, comunicámoslle que pode interpor unha reclamación perante a Axencia Española de Protección de Datos.
Na páxina web da AEPD pode atopar unha serie de modelos que o axudarán no exercicio dos seus dereitos.
Se ten algunha dúbida sobre o tratamento dos seus datos persoais, pode contactar co noso Delegado de Protección de Datos (DPD ou DPO) enviando un correo electrónico a [email protected].
18. ATENCIÓN AO CLIENTE E COMUNICACIÓNS
O usuario poderá comunicarse coa Comercializadora por calquera medio.
A Comercializadora porase en contacto co cliente electronicamente mediante correo electrónico, mensaxes de texto (SMS), notificacións dentro de aplicacións, ou publicando mensaxes ou comunicacións por correo electrónico no sitio web ou a través de calquera outro Servizo da Comercializadora.
Co obxecto de facilitar a continuidade nas comunicacións entre os asinantes deste contrato, as partes comprométense a manter os números de teléfono móbil, fax, enderezo de correo electrónico e enderezo postal que se comunicaron na solicitude de contratación e a notificar no prazo de 14 días por conduto fidedigno á outra parte calquera mudanza que se produza nestes datos.
A Comercializadora disporá dun servizo de atención telefónica no teléfono 914522986, ao que o Cliente poderá dirixirse para calquera incidencia relacionada co presente Contrato.
MODELO DE FORMULARIO DE DESISTENCIA DO SERVIZO DE PROTECCIÓN DE ELECTRODOMÉSTICOS
Tes dereito a desistir do teu contrato nun prazo de 14 días naturais.
Podes usar o seguinte formulario para desistires do Contrato de Servizo de Protección de Electrodomésticos que tes subscrito con Energía Colectiva S.L. (R luz e gas). Non é de uso obrigatorio. Podes comunicarnos a túa decisión identificando o contrato a través de correo electrónico ou carta postal ou de calquera outra forma.
Correo electrónico: [email protected]
Correo postal: Energía Colectiva S.L., rúa Don Juan de Austria, núm. 28, Pta. 4, 46002, Valencia.
Comunico que DESISTO do contrato de Servizo de Protección de Electrodomésticos no punto de subministración
correspondente ao CUPS _________________________________
solicitado o día _____ de ___________________ de ___________
Nome e apelidos do cliente: _______________________________________
DNI ou CIF: ________________________
con domicilio en:
Enderezo: ____________________________________________________________
Concello: ____________________________________________________________
Provincia: ______________________ Código Postal: ___________________
Data: ___________________________
Sinatura: