Zona cliente

Condicións xerais do contrato de mantemento de gas

Condicións Xerais do Contrato de Mantemento de Gas

1. OBXECTO DO CONTRATO

O obxecto do presente contrato é a prestación dos servizos de multiasistencia a clientes de Energía Colectiva S.L. (en diante “os Servizos”), servizos que se prestarán a través da compañía que Energía Colectiva S.L., con NIF B.98.670.003 e domicilio social en rúa Don Juan de Austria, núm. 28, Pta. 4, 46002, Valencia. (en diante a “Comercializadora”), teña contratada en cada momento.

A contratación destes servizos atópase vinculada á existencia dun contrato de subministración de gas subscrito polo Cliente coa Comercializadora para o mesmo enderezo, sexa negocio ou vivenda, do Cliente, que poderá contratarse simultaneamente ou con posteridade a este.

2. REVISIÓN BIENAL PREVENTIVA

Realización da revisión bienal da instalación doméstica de gas na que se comprobará o correcto funcionamento dos seguintes elementos:

  • Revisións segundo o Real Decreto 1027/2007, de 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de Instalacións Térmicas nos Edificios que inclúen revisión bienal preventiva obrigatoria da instalación doméstica e os seus aparellos de gas.
  • Instalación de calefacción e auga quente sanitaria.
  • Comprobación e limpeza, se proceder, do circuíto de fumes de caldeiras.
  • Comprobación e limpeza, se proceder, dos condutos de fumes e a cheminea.
  • Limpeza, se proceder, do queimador da caldeira.
  • Revisión do vaso de expansión.
  • Revisión dos sistemas de tratamento de auga.
  • Comprobación da estanquidade do peche entre queimador e caldeira.
  • Comprobación dos niveis de auga nos circuítos.
  • Comprobación da configuración dos elementos de seguridade.
  • Revisión e limpeza dos filtros de auga.
  • Revisión do sistema de preparación de auga quente sanitaria.
  • Revisión do estado do illamento térmico.
  • Revisión do sistema de control automático.
  • Revisión dos purgadores.
  • Inspección do circuíto hidráulico de calefacción.
  • Revisión da presión de auga da caldeira.
  • Incluída a reparación de avarías detectadas nesta (3 horas de man de obra e ata 50 € de materiais sen custo para o cliente).

O servizo de mantemento inclúe a reparación das avarías detectadas durante a revisión (cambio de válvula reguladora de gas, defectos en tubaxes de fácil acceso e que non procedan dunha instalación defectuosa, cambio do illamento térmico da caldeira, chave de enchedura ou queimadores, entre outros) coa condición de non afectaren os elementos contemplados nos servizos excluídos que se indican máis adiante. Para poder facer uso desta cobertura o cliente deberá realizar a revisión na data estipulada pola Comercializadora. Se o cliente solicita a revisión de maneira anticipada, a Comercializadora non cubrirá as avarías detectadas durante a devandita revisión.

De cumprírense estas condicións, a Comercializadora asumirá os gastos de desprazamento, realización de orzamento, o importe correspondente á man de obra durante 3 h e ata cincuenta (50) euros en materiais. Caso de os gastos da reparación excederen os límites anteriormente descritos, a empresa responsable da reparación facturaraos ao Beneficiario coas seguintes condicións especiais:

  • Os materiais orzaranse segundo as táboas recomendadas polos diferentes fabricantes.
  • O orzamento non incluirá ningún concepto facturable relacionado co desprazamento nin con ningunha outra casuística especial, como nocturnidade, urxencia, etc.

Cando a revisión bienal preventiva esixa a adopción de medidas extraordinarias en materia de prevención de riscos, os custos derivados da adopción destas medidas serán orzados ao cliente, quen deberá aceptalos previamente á realización da revisión.

Servizos excluídos:

  • A reparación da Instalación do gas ou da caldeira cando, estando vixente o presente Contrato, fose intervida ou manipulada por unha persoa allea á Comercializadora, ou ao servizo técnico homologado da marca.
  • Reformas derivadas das necesidades de ventilación dos locais.
  • Os materiais ou repostos empregados na reparación de avarías, a partir do límite previsto.
  • Os danos resultantes dun uso ou conservación neglixente das instalacións.
  • Os danos ocasionados por incendios, explosións, inundacións, xeadas ou outras causas extraordinarias.
  • A reparación da caldeira ou o quentador cando, debido á antigüidade ou inexistencia de pezas de reposto no mercado por motivos de obsolescencia, estes resultaren irreparables.
  • O transporte da caldeira ou o quentador ás instalacións do servizo técnico homologado da marca, cando cumpra para proceder á súa reparación.
  • Adaptacións ou modificacións da instalación do gas que requiran a emisión de certificados oficiais.
  • Calquera traballo de obra civil.

3. REPARACIÓN DE AVARÍAS

Caso de calquera avaría na instalación individual de gas, caldeira ou circuíto de calefacción que impida o seu funcionamento total ou parcial, este servizo inclúe as seguintes coberturas:

  • Teléfono de asistencia dispoñible de luns a venres non festivos de 9:00 a 20:00 horas.
  • Orzamento e desprazamento gratuítos.
  • Caso de situación “moi urxente”, o profesional acudirá ás instalacións do cliente nun período máximo de 3 horas, os 365 días e 24 horas. Considerarase un servizo con carácter de moi urxente cando se detecte unha fuga de gas.
  • Considerarase un servizo con carácter de moi urxente cando se detecte unha fuga de gas.
  • Calquera servizo solicitado polo cliente que non sexa considerado moi urxente será atendido no domicilio do cliente nun período máximo de 24 horas, laborables (fins de semana non incluídos).
  • Man de obra empregada para a reparación da avaría gratuíta durante as 3 primeiras horas e custo de materiais precisos para a reparación ata cincuenta (50) euros. Os gastos adicionais a este importe correrán sempre a cargo do cliente.

A prestación do servizo de reparación poderá omitir os prazos anteriormente indicados cando concorran circunstancias xeográficas, climatolóxicas ou de forza maior que impidan o seu cumprimento. Do mesmo xeito, non se poderá garantir a presenza do profesional nos prazos indicados cando a reparación deba ser efectuada polo servizo técnico (SAI) homologado pola marca.

Cando a reparación dunha avaría esixa a adopción de medidas extraordinarias en materia de prevención de riscos, os custos derivados da adopción destas medidas serán orzados ao cliente, quen deberá aceptalos previamente á realización de reparación.

O orzamento non incluirá ningún concepto facturable relacionado co desprazamento nin con ningunha outra situación especial, como nocturnidade, urxencia, etc.

4. DURACIÓN DO CONTRATO

O presente Contrato entrará en vigor na data da súa sinatura e terá unha duración de doce meses, agás que se indique outra duración nas Condicións Particulares, e entenderase tacitamente renovado por iguais períodos agás denuncia expresa de calquera das partes, manifestada por escrito cunha antelación mínima de quince días á finalización do prazo contractual ou ao de calquera das súas prórrogas e remitida por calquera medio que permita acreditar a súa recepción. O Cliente poderá instar en calquera momento á terminación anticipada do Contrato comunicándoo de maneira inequívoca por calquera medio que deixe constancia dela á Comercializadora, cun preaviso de 1 mes antes da data efectiva de terminación. Por esta terminación anticipada non procederá a aplicación de penalización ningunha.

A finalización por calquera causa do contrato de subministración de gas coa Comercializadora determinará a finalización do presente Contrato.

5. PERSOAL

Os servizos obxecto deste Contrato serán prestados por persoal cualificado e debidamente acreditado.

6. DEREITO DE DESISTENCIA

O Cliente poderá desistir do presente contrato nun prazo de catorce días naturais dende a súa celebración, ou dende a recepción da documentación contractual de ser esta posterior, caso de o contrato ser formalizado a distancia (telefonicamente ou por Internet) ou fóra dos estabelecementos da Comercializadora, e o Cliente ter a condición de consumidor a efectos do estabelecido no artigo 3 do Texto Refundido da Lei Xeral para a Defensa dos Consumidores e Usuarios e outras normas complementarias, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 1/2007, de 16 de novembro.

O Cliente poderá exercer o dereito de desistencia sen necesidade de xustificar a súa decisión e sen penalización de ningunha clase, pero terá a obriga de compensar os servizos que recibise, valorados a prezo de mercado. Sen prexuízo de poder utilizar calquera outra forma admitida en dereito, o Cliente poderá levar a cabo a desistencia remitindo á Comercializadora o Documento de Desistencia, debidamente cuberto, ao seguinte enderezo: rúa Don Juan de Austria, núm. 28, Pta. 4, 46002, Valencia..

Quedan excluídos do dereito de desistencia os contratos celebrados no marco dunha actividade empresarial ou profesional.

7. BENEFICIARIO

O Beneficiario (tamén denominado neste documento como Cliente) é a persoa física ou xurídica que contratou e dispón de subministración de gas natural activa para o negocio ou a vivenda coa Comercializadora, excluídas as Comunidades de Propietarios, garaxes e aparcadoiros.

8. ÁMBITO TERRITORIAL

Os servizos poderán ser prestados en calquera lugar de España.

9. GARANTÍA

A Comercializadora garantirá que todos os servizos de mantemento e reparación serán realizados coa maior calidade de servizo e, caso de ser utilizados, cos mellores materiais avalados. Cando rematen os servizos o profesional limpará a zona de intervención. Estes servizos contan cunha garantía na execución dos traballos de 6 meses a partir da súa finalización.

10. PREZO

O Prezo do servizo é o fixado nas Condicións Particulares. O seu importe anual fraccionarase segundo os períodos de facturación da subministración de gas.

A Comercializadora poderá modificar á alza ou á baixa este prezo de acordo coa variación experimentada polo IPC nos doce meses anteriores á data de actualización. A data de actualización será o 1 de xaneiro de cada ano. Serán así mesmo a cargo do Cliente e incrementando por tanto o prezo aplicable todos aqueles gastos, custos e tributos que resulten esixibles, entre eles o Imposto do Valor Engadido.

Calquera tipo de promoción, desconto ou complemento ofrecido ao Cliente por parte da Comercializadora limitarase ás circunstancias específicas para as que se outorgaron ou ao tempo de duración estabelecido naqueles, sen xerar consolidación nin dereito ningún ao Cliente no seu mantemento. Sen prexuízo do anterior, os prezos dos servizos e os custos repercutibles poderanse modificar cando se produza unha variación no importe dalgún dos compoñentes que se tomaran en consideración para os estabelecer, ou cando así o comunique a Comercializadora ao Cliente. Esta adecuación ou modificación será comunicada por escrito ao Beneficiario co fin de que este, se non está de acordo, comunique á Comercializadora, no prazo de 30 días e por escrito, a súa vontade de resolver o Contrato. A falta de contestación por parte do Cliente no devandito prazo entenderase como aceptación do novo prezo. A Comercializadora non estará obrigada a prestar os servizos obxecto deste Contrato se o Beneficiario non estivese ao corrente no pagamento do seu prezo.

11. FACTURACIÓN, PRAZOS E FORMA DE PAGAMENTO

A Comercializadora facturará ao cliente segundo a modalidade, a periodicidade e o prezo estabelecido que constan nas Condicións Particulares e nas Condicións Xerais deste Contrato.

O pagamento do prezo dos Servizos xunto co IVE correspondente realizarase por parte do Cliente xunto á factura do servizo de subministración de gas natural que manteña coa Comercializadora, mediante cargo bancario na conta designada polo Cliente. O recibo correspondente a cada mensualidade de Servizo pasarase para o seu pagamento mediante cargo ou domiciliación á conta bancaria sinalada polo cliente e que se identifica coa incorporación a este contrato do mandato SEPA, que o cliente tamén asina.

12. ACCESO AO LOCAL DO NEGOCIO OU A VIVENDA

Co fin de posibilitar a prestación dos Servizos contratados, o Cliente facilitará o acceso ao negocio ou vivenda ao persoal debidamente acreditado pola Comercializadora.

13. RESPONSABILIDADE

O Beneficiario e a Comercializadora renuncian a esixirse responsabilidade por danos resultantes, indirectos e por perdas de beneficios, sempre non se deriven dun incumprimento doloso.

14. CESIÓN DO CONTRATO

O presente contrato poderá ser transmitido por calquera das partes sempre que esta circunstancia sexa comunicada por escrito á outra e que o cesionario do Cliente se subrogue en todos os dereitos e obrigas derivados do presente Contrato que correspondan á parte transmitente. Así mesmo, previamente á cesión por parte do Beneficiario, este deberá atoparse ao corrente nas súas obrigas de pagamento e xustificar que o cesionario é o novo titular do contrato ou contratos de subministración de gas natural do negocio ou vivenda.

15. RESOLUCIÓN DO CONTRATO

O Contrato poderá resolverse anticipadamente cando concorra algunha das seguintes causas:

  • Incumprimento das obrigas de pagamento adquiridas consonte o estabelecido no presente Contrato.
  • Denegación de acceso ao negocio ou vivenda polo seu ocupante, para a prestación dos servizos contratados.
  • Inexistencia, caducidade ou anulación das autorizacións administrativas que resulten preceptivas para a posta en servizo e funcionamento das instalacións de gas propias do negocio ou vivenda.
  • Inexistencia, finalización ou resolución do contrato subscrito polo cliente para a subministración de gas ao negocio ou vivenda.
  • Así mesmo, ao non incluír o presente Contrato na súa cobertura Comunidades de Propietarios, garaxes e aparcadoiros, a Comercializadora poderá resolvelo anticipadamente no momento no que teña coñecemento de que concorre algunha destas circunstancias para o Cliente.

16. RESOLUCIÓN DE CONFLITOS

Para a resolución das eventuais discrepancias que puidesen xurdir no tocante á interpretación ou execución do presente Contrato, ambas as dúas partes sométense expresamente á competencia dos Xulgados e Tribunais do lugar de prestación dos servizos que figuran nas Condicións Particulares ou do domicilio do usuario, segundo este escolla, se ten a consideración de consumidor ou usuario de acordo co Real Decreto Lexislativo 1/2007, de 16 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei Xeral para a Defensa dos Consumidores e Usuarios.

17. PROTECCIÓN DE DATOS

A prestación do Servizo de Multiasistencia comporta o tratamento de datos de carácter persoal do Cliente, que serán tratados consonte o previsto no presente Contrato, as Condicións Xerais de Contratación do Servizo de Subministración de Gas e a política de privacidade.

O responsable do tratamento será a sociedade Energía Colectiva S.L., con domicilio postal en rúa Don Juan de Austria, núm. 28, Pta. 4, 46002, Valencia. e NIF B.98.670.003. Pode contactar co noso Delegado de Protección de Datos (DPD ou DPO) enviando un correo electrónico a [email protected]

Para a prestación deste Servizo a Comercializadora tratará datos identificativos, de contacto, de pagamento e de subministración do Cliente coa finalidade de xestionar e prestar o servizo de Multiasistencia consonte a execución do presente Contrato. De non se proporcionar algún destes datos ou ser estes inexactos non será posible prestar o Servizo.

A Comercializadora, coa finalidade de prestar o Servizo, facilitará os datos identificativos, de contacto e de subministración a terceiras empresas que prestan o mencionado servizo por conta da Comercializadora. A Comercializadora dispón de contratos con estas empresas polos cales se garanten a seguridade e legalidade do tratamento dos datos persoais aos que estas terceiras empresas poidan ter acceso con motivo da prestación do servizo. A Comercializadora non ten previsto levar a cabo transferencias internacionais de datos.

Os datos conservaranse durante toda a duración do contrato e, despois de se resolver este, de forma bloqueada, ata a prescrición das obrigas legais que a Comercializadora deba cumprir.

Informámolo de que pode exercitar os seus dereitos de acceso, rectificación, supresión, oposición, limitación do tratamento e portabilidade mediante correo postal ao enderezo rúa Don Juan de Austria, núm. 28, Pta. 4, 46002, Valencia. ou mediante correo electrónico ao enderezo [email protected] indicando o dereito que vaia exercitar e acompañando a documentación requirida. Así mesmo, comunicámoslle que pode interpor unha reclamación perante a Axencia Española de Protección de Datos.

Na páxina web da AEPD pode atopar unha serie de modelos que o axudarán no exercicio dos seus dereitos.

Se ten algunha dúbida sobre o tratamento dos seus datos persoais, pode contactar co noso Delegado de Protección de Datos (DPD ou DPO) enviando un correo electrónico a [email protected].

18. ATENCIÓN AO CLIENTE E COMUNICACIÓNS

O usuario poderá comunicarse coa Comercializadora por calquera medio.

A Comercializadora porase en contacto co cliente electronicamente mediante correo electrónico, mensaxes de texto (SMS), notificacións dentro de aplicacións, ou publicando mensaxes ou comunicacións por correo electrónico no sitio web ou a través de calquera outro Servizo da Comercializadora.

Co obxecto de facilitar a continuidade nas comunicacións entre os asinantes deste contrato, as partes comprométense a manter os números de teléfono móbil, fax, enderezo de correo electrónico e enderezo postal que se comunicaron na solicitude de contratación e a notificar no prazo de 14 días por conduto fidedigno á outra parte calquera mudanza que se produza nestes datos.

A Comercializadora disporá dun servizo de atención telefónica no teléfono 910608494, ao que o Cliente poderá dirixirse para calquera incidencia relacionada co presente Contrato.

MODELO DE FORMULARIO DE DESISTENCIA DO SERVIZO DE MANTEMENTO DE GAS

Tes dereito a desistir do teu contrato nun prazo de 14 días naturais.

Podes usar o seguinte formulario para desistires do Contrato de Mantemento de Gas que tes subscrito con Energía Colectiva S.L. (R luz e gas). Non é de uso obrigatorio. Podes comunicarnos a túa decisión identificando o contrato a través de correo electrónico ou carta postal ou de calquera outra forma.

Correo electrónico: [email protected]
Correo postal: Energía Colectiva S.L., rúa Don Juan de Austria, núm. 28, Pta. 4, 46002, Valencia.



Comunico que DESISTO do contrato de Mantemento de Gas no punto de subministración

correspondente ao CUPS _________________________________

solicitado o día _____ de ___________________ de ___________

Nome e apelidos do cliente: _______________________________________

DNI ou CIF: ________________________

con domicilio en:

Enderezo: ____________________________________________________________

Concello: ____________________________________________________________

Provincia: ______________________ Código Postal: ___________________

Data: ___________________________

Sinatura: